sexta-feira, 6 de abril de 2007

As consecuéncias da Declaración de Boloña: o prato forte da LOU

Pouco a pouco van-se coñecendo máis detalles sobre o espazo universitário europeu a que se aderiu o Estado español logo de asinar a DECLARACIÓN DE BOLOÑA (1998) e sobre os cámbios que iso provocará entre o próximo curso e o ano 2010 na actual configuración dos estudos universitários.

O EEES significa a criazón dun sistema universitário a nível europeu (integrado por 29 estados) cunha mesma estrutura de estudos, un sistema común de créditos e unha oferta de titulacións semellante en cada país; todo co obxecto non disimulado de achegar máis os estudos superiores “ás necesidades do mundo empresarial” e ás “características do libre mercado”.

No documento definitivo de análise sobre o EEES e valoración dos cámbios que vai introducir, que vos xuntamos co resto da documentación oficial que foi saindo até o momento e que vos podedes baixar se son do voso interese, vai-se facendo referéncia a aqueles aspectos máis negativos que lle vemos ao novo espazo universitário europeu, tanto na sua filosofia como no que vai supor para o Sistema Universitário Galego.
Alén doutras cuestións sinalábeis,
hai que dicer que o EEES implicará:

Un previsíbel avanzo do proceso privatizador das universidades públicas, debido á falta de financiamento público, para pagar os cámbios que se teñen de producir (suba de taxas, maior protagonismo da banca e das grandes empresas privadas, substitución do sistema de bolsas por créditos brandos...).

Unha maior “mobilidade” estudantil, mais só unidireccional (o estudantado terá que sair fóra do país para cursar uns estudos superiores de cualidade) debido á falta de competitividade das nosas universidades coas do contorno europeu.

Un ensino máis elitista e selectivo, tanto do ponto de vista académico (máis selectividades; mais numerus clausus) como económico (máis taxas e menos bolsas).

A aparición de centros, títulos e universidades de primeira e de segunda categoria, dependendo do seu valor formativo real, e unha maior depreciación dos títulos de licenciada/o, arquitecta/o ou
enxeñeira/o. O futuro incerto que lles espera ás titulacións de tres anos diplomaturas e nexeñarias técnicas), que non figuran no organigrama europeu coa condición de universitárias, asi como ás carreiras do ámbito humanístico e a outros títulos, que poderian desde ser agrupados e xuntados con outros do seu mesmo ámbito científico até desaparecer.

A perpetuación das condicións de precariedade das/os estudantes con práticas externas en empresas e da sobre-explotación das/os bolseiras/os de investigación.

A exclusión das/os estudantes que non o podan ser “a tempo completo” da Universidade, debido ao aumento no número de horas que implica o novo sistema europeu de créditos.

O aumento da troncalidade (matérias impostas desde Madrid) e a redución na porcentaxe de matérias obrigatórias e optativas que fixan os próprios centros, que impede uns planos de estudo máis relacionados co seu entorno nacional e social e vai en contra do direito do estudantado a elaborar o seu próprio currículo.

Nenhum comentário: